Igrexa e Cruceiro de San Pedro de Benza

Trátase dunha igrexa de orixe románica pero remodelada con posterioridade, compartindo características propias doutros estilos, como o barroco, feito habitual en moitas igrexas rurais. Forma, como é frecuente, conxunto co camposanto. Presenta unha planta rectangular coa capela maior diferenciada ao ser máis estreita e máis baixa, seguindo un eixo de simetría que se ve truncado polo engadido posterior dun espazo dedicado á sancristía, nun lateral da cabeceira. Posúe partes construídas en cachotería e outras en cantería, probablemente por mor desas remodelacións posteriores á súa construción inicial.

No exterior, e sobre todo na parte do testeiro, aínda se conservan algúns elementos románicos, como unha fiestra e un arco de medio punto sostidos por columnas, modillóns, canzorros ou contrafortes.

O interior tamén é de grande interese, co presbiterio separado da nave por medio dun grande arco triunfal apuntado, sostido por dúas grandes columnas con capitel corintio esquematizado apegadas ao muro. Detrás do altar maior sitúase un gran retablo barroco.

Nos muros laterais da nave ábrense arcos que albergan pequenos retablos de madeira, un deles rodeado por unha moldura arquitectónica pétrea de características clásicas, rematada nun frontón triangular lixeiramente truncado pola cuberta, de factura moderna.

A fachada, de tipoloxía barroca, que posúe unha gran similitude coa da igrexa de Santa María de Trazo, segue o esquema compositivo tradicional.

Cruceiro de estilo prerrománico do século X. Tanto a súa cruz como o capitel poden considerarse únicos no seu estilo. A cruz destaca polo detalle da súa imaxe mariana; ten un rechamante manto bordado con adornos de todo tipo moi acertadamente esculpidos. O capitel é moi orixinal; as súas caras adórnanse con figuras de corpo enteiro representando a un santo que sostén un libro no alto e na súa outra cara a un Xesucristo crucificado.

Localización

Travelers' Map is loading...
If you see this after your page is loaded completely, leafletJS files are missing.

COMPARTE!

RECURSOSRELACIONADOS

Scroll to Top