A igrexa de Santa María de Chaián pasou por importantes remodelacións no século XVIII, que deron como resultado o templo actual, se ben aínda se conservan algunhas partes de maior antigüidade, de factura medieval, como a cabeceira.
Ten planta de cruz latina co brazo lonxitudinal de maior anchura que o transversal e a cabeceira bastante destacada. O testeiro posúe unha serie de características repetidas noutras igrexas do concello, como a unión de capela e a sancristía, que fai que o tellado a dobre vertente se prolongue máis cara a un dos lados; a existencia, neste caso nos laterais, de contrafortes nos que descargan os arcos faixóns da bóveda de canón do interior, e canzorros sostendo a cornixa. En contraposición, nun estilo clásico, érguese a fachada, rematada nun frontón triangular que sostén un campanario cuadrangular rematado nunha pequena cúpula de pedra. No interior, o cruceiro cóbrese cunha curiosa bóveda de madeira de lados irregulares, na que se combina un abovedamento de arestas cunha pequena cúpula situada na clave deste. Gran parte da iluminación da igrexa entra a través desta cúpula e do óculo da fachada. A cubrición de madeira continúa ao longo da nave en forma de canón. Tanto a capela maior como as pequenas transversais sepáranse da nave por arcos de medio punto. O arco triunfal é, neste caso, sostido por pilastras. Prolóngase nunha bóveda de canón reforzada por outro arco faixón sostido por columnas. Na bóveda consérvanse pinturas ao fresco.
Cruceiro: de cantería asentado sobre cinco chanzos nos que se ergue a base cuadrangular, moi rebaixada e rematada con bocel. Varal liso cilíndrico de arranque cadrado moldurado. Capitel toscano e rematado cunha cruz circular leñosa con nós coa representación do Cristo crucificado nunha das súas caras e a Dolorosa na oposta.