Incluído no catálogo de viadutos históricos de Galicia, A Ponte Albar salva orgullosa o río Tambre e une así as comarcas de Ordes e de Compostela. Emprazada nun confín da parroquia de Xavestre (Trazo), a ponte, de sillaría, ten cinco arcos de punto e medio, e é un dos grandes referentes da arquitectura civil da zona.
Ata as súas inmediacións achéganse pescadores e excursionistas que saben da fermosura destas ribeiras, onde o Tambre decorre tranquilo entre grandes penedos graníticos e arborado da ribeira que se reflicte nas súas augas calmas.