- Ao redor de dous milleiros de asistentes pasaron polo stand da Mancomunidade de Ordes en ExpoCoruña.
- Produtos como o mel, as rosquillas de Tordoia ou o queique de Ordes espertaron un grande interese entre os asistentes.
- O ciclo de rutas guiadas centrou a atención de axencias de viaxe e persoal de centros educativos que as valoraron como unha opción de lecer próxima e sostible.
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes pechou a súa participación na Feria de Productos Ecolóxicos e Ecoturismo ‘BioCultura’ cunhas fantásticas cifras de asistencia, recibindo no seu stand ao redor de dous milleiros de persoas ao longo das tres xornadas que durou o evento.
A gastronomía da comarca foi un dos grandes atractivos que o ente supramunicipal levou a ExpoCoruña. Queique de Ordes, grelos ou rosquillas de Tordoia foron algunhas das opcións que as persoas vistantes puideron coñercer de primeira man.
A boa acollida e o interese xerado por estes produtos, con mención especial para o mel ecolóxico e o queixo fresco, provocaron que a organización valore incorporar degustacións e mesmo venta dos mesmos en vindeiras edicións do evento.
Pola súa parte, as rutas guiadas ‘Os Lugares do Paraíso’ xeraron un máis que notable impacto entre os visitantes. Moitas persoas, residentes en cidades próximas como A Coruña ou Santiago de Compostela valoraron as saídas como unha opción de lecer próxima moi a ter en conta pola potencialidades da contorna e polas facilidades que ofrece dispor de desprazamento ata cada unha destas rutas.
Ademais, tanto docentes de diversos centros educativos da contorna como persoal de empresas de organizacións de actividades e viaxes valoraron moi positivamente ditas rutas.
Pola súa parte, o público máis xuvenil interesouse polas potencialidades deportivas que ofrecen estes roteiros, mentres que o de maior idade focalizou a súa atención en enclaves como o Museo do Traxe Juanjo Linares ou o Museo Etnográfico e Aula da natureza das Brañas da Valga, en Mesía, entre outros moitos puntos repartidos polos municipios da comarca.
A nostalxia tamén foi outra das claves do éxito da Mancomunidade de Ordes na vixente edición de BioCultura, pois moitas das persoas que pararon no posto eran residentes ou tiñan raíces na comarca, polo que puideron retomar durante uns intres esa conexión co seu ligar de orixe.
Desde a Mancomunidade celebran “que o público dun evento da magnitude de BioCultura valorase tan positivamente tanto a nosa gastronomía como as rutas guiadas” e agardan “que isto fose o detonante para que moitas das persoas que se deron cita en ExpoCoruña se animen a coñecer todo o que a nosa comarca ten para ofrecer”.