- A iniciativa, promovida polo CIM da Mancomunidade e cofinanciado pola Xunta de Galicia e polo Programa FSE+Galicia 2021-2027, desenvolverase de balde nos municipios da Mancomunidade durante o mes de setembro.
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organiza o programa “Ter (en) conta”, desenvolto por Andaina PSM de Ordes e cofinanciado pola Xunta de Galicia (Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade-Secretaría Xeral da Igualdade) e polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
A iniciativa consta dunha serie de obradoiros formativos, de balde, dirixidos ás mulleres coidadoras informais de persoas dependentes.
Os contidos que se van impartir son: o autocoidado, a mobilización de persoas dependentes, recursos de apoio e a corresponsabilidade no coidado de persoas dependentes.
En cada un dos seis concellos participantes (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso e Tordoia) realizaranse 4 obradoiros, de 2 horas de duración cada un deles, o que supón un total de 48 horas que se impartirán de modo presencial durante o mes de setembro de 2023.
Coa impartición destes obradoiros búscase que as mulleres aprendan estratexias para o propio coidado, o coidado das persoas dependentes e coñezan recursos que faciliten as tarefa dos coidados, así como estratexias para promover a corresponsabilidade na contorna próxima.
As persoas interesadas poderán inscribirse presencialmente nas dependencias do CIM da Mancomunidade, a través do teléfono 981 682 108 ou no enderezo de correo cim@mancomunidadeordes.gal