A Mancomunidade de Ordes presentará en FITUR as ‘Rutas Guiadas pola Comarca de Ordes’

  • O acto terá lugar o mércores, 18 de xaneiro, e nel intervirán a presidenta Susana García; o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor e Iria Rodríguez de Viaxes Alumar, entidade comercializadora.
  • O proxecto está integrado por sete visitas guiadas polos municipios que integran a Mancomunidade a través das cales se busca promover o patrimonio da comarca.

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) de Madrid acollerá o vindeiro mércores, 18 de xaneiro, a presentación das ‘Rutas Guiadas pola Comarca de Ordes’, unha iniciativa promovida pola Mancomunidade coa que divulgar o patrimonio natural, paisaxístico e patrimonial dos concellos membros.

No acto intervirán a presidenta da Mancomunidade, Susana García; o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor e Iria Rodríguez, en representación da empresa Viaxes Alumar.

A iniciativa integra un total de sete visitas guiadas polos municipios que forman a Mancomunidade, a través das cales se busca promover o patrimonio natural, etnográfico e gastronómico da comarca, podendo tamén incrementar a experiencia coa contratación dun apartado gastronómico con produtos típicos destes lugares.

Na confección do proxecto interviñeron máis de vinte empresas do xeodestino ‘Terras de Ordes’, posibilitando que tanto particulares como axencias poidan realizar as súas reservas para gozar dos recursos paisaxísticos que ofrece a contorna.

As rutas xa están dispoñibles para a súa reserva no portal web da Mancomunidade de Ordes.

Scroll to Top